ACTO INFORMATIVO: XOVES, 15 DE ABRIL ÁS 20:00 H. NO C.S. UXÍO NOVONEYRA

viernes, 1 de enero de 2010

Documento: Retirada da Ordenanza Cívica

Distintos colectivos e asociacións (Plataforma Alternativa, Radio Clavi, C.S. MadiaLeva!, Sinerxia, CIG, CNT, C.S. Vagalume,...) subscribimos o seguinte documento SOLICITANDO A RETIRADA DA PROPOSTA DA ORDENANZA CÍVICA, e individualmente (por colectivo ou asociación) presentaremos por rexistro de entrada ante o concello.

Pregamos a calquera outro colectivo/asociación de acordo coa solicitude de retirada, o comunique ao concello (documentandoo por rexistro de entrada) podendo empregar o seguinte documento ou outro que considere.

A vindeira xuntanza dos colectivos/asociacións antes nomeados, e de calquera outro que desexe asistir, será o xoves 21 ás 20 hs. no C.S. MadiaLeva! (Rúa Amor Meilán, 18).

AO CONCELLO DE LUGO



A asociación ...................................,con enderezo a efectos de notificación en..........................., perante a prevista aprovación do regulamento coñecido como Ordenanza de Civismo, quere facer as seguintes

MANIFESTACIÓNS

Primeira.- Interpreta o non ter sido convidada ao foro cívico, convocado en relación coa chamada Ordenanza de Civismo, como sinal dunha vontade por parte do Concello de excluir deste debate aos movementos sociais da nosa cidade.

Segunda.- Despois de ler e debater o rascuño desta norma que foi publicado, consideramos que o texto constiúe unha proposta regresiva ao incluir elementos inxustificadamente represivos ou excluíntes.

Terceira.- Esta proposta semella estar pensada para unha situación social caracterizada por un conflito entre, por un lado, a cidadanía común e, polo outro, unha serie de novas e preocupantes ameazas para a convivencia. Este escenario non se corresponde en absoluto coa realidade de Lugo que é, en xeral, considerada como unha cidade segura. Neste sentido, todo indica que se pretende estabelecer, por lei, unha dialéctica maniquea, de bos e malos, para lexitimar políticas antisociais e autoritarias.

Cuarta.- O que se proclama, na propria norma, como finalidade da ordenanza, isto é, a preservación do espazo público para poder, libremente, as persoas circular, lecer, encontrarse e recrearse, pon de relevo unha concepción moi pobre da convivencia social. A norma, por exemplo, limita inaceptabelmente a liberdade de expresión nos artigos que van do nove ao quince. E o mesmo podemos dicir da liberdade de reunión, que fica vulnerábel polo artigo 21.4. Como se a convivencia cívica non dependese da garantía deste tipo de liberdades fundamentais.

Quinta.- Preténdese fundamentar a tipificación de infraccións nunha utilización avesa de conceptos como o de contaminación ou degradación visual (art. 9). Logo de como correron os conflitos, entre o Concello e a veciñanza, en relación cos proxectos urbanísticos para os Parques “Rosalía de Castro “ e “Marcos Cela”, entendemos que a intención real da ordenanza, neste apartado, non é preservar a cidade da contaminación visual, mais lexitimar a represión contra a libre expresión da cidadanía no espazo público, mediante cartazes, panfletos, faixas, etc.

Sexta.- Non atende ao interese do Concello pola contaminación acústica (art. 21), non debemos esquecer que este mesmo goberno municipal pretendeu modificar a ordenanza sobre contaminación acústica para permitir a abertura de novos bares e cafetarías en zonas declaradas como acusticamente saturadas. Esta modificación foi recorrida polo movemento veciñal perante os tribunais, obtendo unha resolución favorábel, mesmo tras os recursos do Concello. Como no punto anterior, neste caso tamén sospeitamos que, o que se procura, non é protexer o descanso nocturno das veciñas e veciños, mas a criminalización da mocidade unha vez fracasados os programas municipais de ocio nocturno alternativo.

Sétima.- Chócanos que a ordenanza fale de ‘novas situacións e circunstancias’ (px. 2) para se referir a cousas como a mendicidade ou a prostitución. A medicidade, por exemplo, xá era considerada perigosa na lexislación franquista, por exemplo na Ley de Peligrosidad y Rehabilitación Social. Esta lei tipificaba, como infracción, a mendicidade cando era “habitual”(art. 2), e a ordenanza no seu texto actual, cando é “insistente” (art. 16). Estamos, pois, perante dous textos diferentes na forma, mais semellantes no seu contido aporofóbico.

Oitava.- O artigo 27, que expón os fundamentos da regulamentación do comercio ambulante, considera como de interese para o civismo a protección da economía de mercado e a libre concorrencia. Deste xeito estase a facer pasar os ilícitos mercantís, ou as irregularidades administrativas, por atentados contra a convivencia. Isto é moi grave pois, en realidade, acarreta unha criminalización da venda ambulante que, dadas as suas caracterísiticas na nosa cidade, pode amparar actitudes policiais xenófobas, ou racistas.

Novena.- A Lei 57/2003, de Medidas para a Modernización do Goberno Local, mais coñecida como Lei de Grandes Cidades, serve como fundamento xurídico principal para esta ordenanza. Cómpre lembrar que foi aprobada nos momentos álxidos da viraxe ultrareaccionaria do Goberno de Aznar en Madrid. Na Galiza foi invocada, para deturpar a toponimia da cidade da Coruña ou para, nese mesmo concello, fechar locais de asociacións e movementos sociais, como Mil Lúas e Oveja Negra. En Lugo, esta mesma lei, aplicouse para nomear o pasado ano, como concelleira-delegada de urbanismo, unha pesoa que non se apresentou às eleicións municipais de 2007. Non debe estrañar, por tanto, que unha norma tan duvidosamente democrática, tanto na sua orixe como nos seus termos e resultados, inspire o carácter regresivo da ordenanza de civismo que se quere aprovar.

Décima.- Debido á escura redación da Lei 57/2003, o rascuño de ordenanza cívica confunde a potestade sancionadora en relación coas matérias de convivencia cívica de interese local, coa regulamentación punitiva de cuestións como a sexualidade, as liberdades fundamentais, ou a dignidade humana. É obvio que o texto apresentado excede con moito, as competencias que razoabelmente se lle poden atribuir a un goberno municipal. Utilízase o pretexto dunha intepretación excesiva do concepto de espazo público para tentar a imposición dun código penal, a escala local e sen garantías, que en moitos casos pode dar lugar a vulneracións de principios xurídicos básicos como o de tipicidade e proporcionalidade, das disposicións sancionadoras, o de seguranza xurídica, ou o de non bis in idem, polo qual ninguén pode ser punido mais dunha vez por unha mesma conduta.

Decimoprimeira.- Se as Disposicións comúns sobre réxime sancionador ficasen como están, darían lugar a unha perigosa hipertrofia das funcións policiais ao configurarse, a policia local en virtude da presunción de veracidade, como a encarregada de interpretar a lei e determinar, sen garantía ningunha, que condutas son sancionábeis como infraccións contra a convivencia.

Por todo isto, e por todo o que fai desta ordenanza unha norma regresiva, represiva, e perxudicial para a convivencia cívica, e a pesar de non ter sido convocadas polo Concello de Lugo para dar, ao respecto, a nosa opinion.

ESIXIMOS

A inmediata retirada da proposta contida no rascuño de Ordenanza de Civismo que foi publicada e á que nos referimos no presente escrito.