ACTO INFORMATIVO: XOVES, 15 DE ABRIL ÁS 20:00 H. NO C.S. UXÍO NOVONEYRA

miércoles, 28 de octubre de 2009

Apuntamentos sobre a "Ordenanza Cívica"

É inaceptábel que unha “Ordenanza Cívica” sexa redactada en termos puramente subxectivos, que permita ao funcionario armado de quenda poñer en práctica o seu avalado criterio xurídico. Dáselle a numerosos artigos unha ampla discrecionalidade á hora de poder ser aplicados. Isto implica que, ao non estar claramente tipificadas as infraccións, o eido no que se poden aplicar é tan amplo que permite sancionar actividades que para nada supoñen actos incívicos, como toda forma de mendicidade ou a práctica de xogos “de habilidade” na rúa. Ademais, criminaliza duramente a pobreza, ao perseguir explicitamente a toda aquela persoa que malvive “prestando pequenos servizos non solicitados”, isto é, vender panos nos semáforos, limpar cristais, limpar botas, vender rifas, etc. Coido que é unha aberración afrontar o problema da exclusión social intentándoa quitar da rúa a base de persecución e sancións. Así, o único que conseguimos é excluílos aínda máis e aumentar, se cabe, o problema. Este texto segue o modelo norteamericano de “tolerancia cero” cos mendigos. Quizais os distinguidos políticos locais –distinguidos pola súa incompetencia- deberían reler a Lope de Vega que dicía que “a pobreza non é vileza mentres non fai cousas malas”.


O modelo actual xa supón un claro atentado á liberdade de expresión e de difusión de ideas, ao incapacitar ao movementos sociais, políticos e culturais que teñen que agardar o permiso da policía para utilizar o espazo público como medio libre de difusión de ideas e convocatorias –chegando incluso a impedir a organización da Feira de Asociacións durante dous anos consecutivos-. Ademais, nesta ordenanza, impídese a colocación de cartaces ou doutros materiais de difusión no “espazo público”, incluso en inmóbeis abandonados, en estado ruinoso ou en total desuso. Todo para manter limpo os escaparates que os turistas e a acomodada clase burguesa gusta contemplar, incluso se iso leva consigo darlle unha couce aos dereitos e liberdades dos cidadáns e cidadás.

Esta ordenanza consolida o modelo de cidade alicerzada no binomio casa- traballo- ocio privado e privatizado. É curioso que un concello socialdemócrata aprobe estas normas como símbolo de progreso e benestar social. En Barcelona xa non se pode comer un bocadillo sentado na beirarrúa. E este o “modelo” de cidade que queremos?

En definitiva, a non aprobación desta ordenanza non supón en absoluto que os comportamentos verdadeiramente incívicos vaian deixar de ser perseguidos, pois todos están xa recollidos en anteriores normativas, así como no Código Penal. Sinxelamente non podemos tolerar que se metan non mesmo saco elementos sociais, políticos, culturais que, lonxe de supor actos incívicos, son o exercicio de dereitos e liberdades fundamentais. Asina pola retirada desta ordenanza incívica neste blogue.

lunes, 26 de octubre de 2009

LUGO: UN MUNDO FELIZ!


Semella que despois da aprobación da draconiana ordenanza “cívica” que trama o Concello e os seus secuaces, Lugo, coma nos mellores soños de Huxley, vaise converter nun “Mundo Feliz”:

Xa non haberá mendigos pola rúa, que tanto incomodan aos bos votantes, (perdón, ía dicir veciños…). A nova ordenanza virá acompañada dun elixir que fará invisíbeis e autistas a aqueles.

Non haberá ningún cartel inoportuno anunciando nada na rúa. Así non nos despistaremos e poderemos concentrarnos mellor nos anuncios publicitarios ou nos taboleiros electorais. Así, realizándonos como consumidores e votantes- mutantes, poderemos ser os bos cidadáns que Papá Alcalde e Tito Concelleiro agardan que sexamos.

“Esos jóvenes que tanto molestan con sus fiestas” serán só unha vella lembranza do pasado. Os rapaces beberán só garrafón nas discotecas ou nalgún dos 1300 locais que venden alcohol con licencia municipal, que senta mellor e é moito máis “educativo”.

Os coches só se venderán nos concesionarios, para que as empresas que n os dan traballo obteñan moitos beneficios e todos podamos seguir sendo máis felices.


Xa non haberá 16.000 casas abandonadas con graffitis, porque non haberá graffitis. Os que durman na rúa ou nos caixeiros serán tamén invisíbeis.

Os matos e silvas que medran nas paredes da Muralla tamén van ser prohibidos, e tamén a choiva que a molla. Así, unha Muralla sempre lustrosa e sequiña, acompañará a nosa felicidade.

E por suposto, e por riba de todo, teremos eliminado aos ameazantes “gorrillas” que tanto nos incomodaban ao aparcar; aquel que, antes de este bendito ordenamento, era o principal problema cívico. Porque cando a ordenanza sexa aprobada (que gracias a Deus así será), poderemos exercer a nosa felicidade pagando sempre por aparcar en parkings exclusivamente vixiados por “gorilas” e non por “gorrillas”.

E por se aínda queda algún queixicas -que sempre os hai-, para colmo de felicidade, viviremos ademáis en plena igualdade, porque CANDO TODO ESTÉ PROHIBIDO, TODOS SEREMOS DELINCUENTES.